Utilizan un tráiler rotulado para roubar 15.000 litros de aceite cargados noutro en Padrón
Utilizan un tráiler rotulado para roubar 15.000 litros de aceite cargados noutro en Padrón
O cargamento estaba listo para engancharlle a cabeza tractora e transportalo ao centro de reciclaxe de aceite vexetal
A videovixilancia rexistrou toda a acción dos ladróns, pero a mercadoría non está localizada
Os irmáns Castro, donos de Recycás, agardaban na Picaraña, preto de Padrón, a chegada do seu transportista para levar o cargamento de aceite vexetal usado á planta de reciclaxe. O tráiler permanece no mesmo sitio. Unha peza no chan levouno a descubrir que lles levaran toda a mercancía do interior do remolque.
Sospeitan que os autores seguiron desde a distancia como cargaban os bidóns, similares a estes, e ao ver que o camión xa estaba completo decidiron dar o golpe á unha desa mañá, a do mércores 20. Toda a acción para o transvasamento da mercadoría quedou rexistrada pola videovixilancia:
"Foi cando vimos outra gabarra que abriu a nosa pola parte de atrás, achegouse a ela e sobre a unha da mañá empezaron a descargala, botando na operación hora e algo. Eran dúas persoas e hai unha terceira implicada que non estaba presente e a investigación policial determinará o seu grao de implicación. As da gravación son persoas que xa coñezo", di Argimiro Castro, xerente de Recycás.
Os ladróns pertencen ao mesmo ámbito de actividade. O posible terceiro implicado sería alguén vencellado co tráiler, con rotulación de empresa, utilizado no roubo. O xerente de Recycás facía esta valoración do roubado:
"30 palés de aceite vexetal que recollemos na hostalería de Galicia e que estaban preparados para transportar á planta que temos na Coruña. Aproximadamente había 15.000 litros cun valor estimado sobre 25.000 euros á parte das perdas polo pagamento aos hostaleiros e os nosos gastos do día a día".
Recoñece que o roubo sufrido supón un golpe forte para el e o seu irmán, que xa traballaban niso e que hai só dous meses puxeron en marcha a súa propia empresa. A mercadoría segue en paradoiro descoñecido.