Detidas 121 persoas nunha operación contra a pedofilia na Rede en España

A Policía fixo 125 rexistros e interviu 500 terabytes de contido pornográfico protagonizado por menores

Moitos dos vídeos caracterízanse polo alto grao de violencia empregado coas vítimas

G24.gal 11/11/2023 11:50 Última actualización 11/11/2023 21:48

A Policía detivo 121 persoas (118 homes e tres mulleres) nunha das operacións máis importantes desenvolvidas en España contra a pornografía infantil. Fixéronse 125 rexistros e interviñéronse 946 dispositivos con 500 terabytes de contido pornográfico protagonizado por menores.

As forzas de seguridade localizaron, en domicilios ou postos de traballo das persoas arrestadas, 368 discos duros, 427 CD e DVD, 114 memorias usb, 37 tarxetas de memoria, 60 computadores, 47 teléfonos móbiles, seis tabletas, unha videocámara e outros dispositivos electrónicos.

Todo o material intervido no operativo atópase sometido a unha análise técnica policial, en busca de novas evidencias que permitan continuar coas xestións de investigación para identificar novas vítimas de abuso sexual ou contactos dos detidos que conformen unha rede de pederastas.

A Unidade Central de Ciberdelincuencia iniciou a investigación no ano 2019 dentro dos labores preventivos de ciberpatrullaxe para loita contra as redes pedófilas que comparten arquivos de material de abuso sexual infantil a través da web.

A operación requiriu a participación de 46 unidades territoriais de axentes especialistas en ciberdelincuencia. As persoas arrestadas facían uso da mesma plataforma dixital para obter e compartir o contido ilícito.

Alto grao de violencia

Un dos detidos tiña máis de dous millóns de arquivos con graves abusos sexuais a nenas de moi curta idade. De feito, moitos dos vídeos caracterízanse polo alto grao de violencia empregado sobre as vítimas.

Os xulgados encargados da instrución das causas abertas determinaron o ingreso en prisión para dous detidos en Cáceres e outro en Almería, pola cantidade de contido localizado na súa posesión.

Un deles chegou a un acordo de conformidade por cinco anos de prisión por un delito de posesión e distribución de material de explotación sexual infantil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade