Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desmantelan en Lugo unha célula da mafia xeorxiana que roubaba en vivendas en toda España

Desmantelan en Lugo unha célula da mafia xeorxiana que roubaba en vivendas en toda España

Hai tres detidos en Lugo, membros da organización que tiña a súa base de operacións en Madrid

Marcaban edificios con distintos sinais para detectar posibles vivendas baleiras

 

Un dos membros da banda xeorxiana en plena actuación nunha vivenda
G24.gal 03/09/2023 12:30 Última actualización 03/09/2023 21:05

Axentes da  Policía Nacional desartellaron unha célula dunha organización criminal da mafia xeorxiana dedicada aos roubos en domicilio, con base en Madrid pero que se desprazaba de xeito itinerante por todo o territorio nacional. Realizaban decenas de roubos en poucos días nunha mesma localidade.

Tres persoas foron detidas en Lugo. A célula actuaba sinalando edificios con fíos invisibles ou marcadores de plástico para detectar posibles casas baleiras. Os roubos perpetrábanse pola noite ou en fin de semana con ganzúas para forzar as fechaduras ou mediante métodos como o bumping, que consegue a apertura dunha porta sen chave e sen necesidade de forzar.

Os efectos roubados eran entregados a unha rede de receptores encargados de darlles saída e realizaban as transferencias monetarias a Xeorxia, e a outros países membros da organización.

A célula, segundo a Policía Nacional, formaba parte da mafia xeorxiana liderada polas organizacións criminais transnacionais Ladrón en lei e Vor v Zakone, dedicadas a cometer roubos con forza en domicilios e caracterizadas por estar fortemente xerarquizadas e estruturadas, "o que as converte en impermeables á acción policial".

Á súa vez, subdivídense en células operativas, conformadas por dúas ou catro persoas que operan de forma itinerante en todo un territorio. Residen nun país temporalmente cunha extensa rede loxística que fornece os seus membros de documentos falsificados así como de pisos francos.

En España, a investigación iniciouse cando os axentes detectaron un grupo itinerante dedicado á comisión reiterada de roubos en vivendas, con base en Madrid.

Detidos en Lugo

Froito da investigación, a Policía detivo tres persoas en Lugo, a onde se desprazou a célula para levar a cabo roubos en domicilios de Galicia. A Policía Nacional comprobou que obtiñan apoio loxístico de persoas de nacionalidade xeorxiana e que prestaban axuda a outros grupos que actuaban en España e a nivel internacional.

Os axentes detectaron que o grupo se desprazaba en España nun coche de alugueiro e actuaba de maneira itinerante, trasladándose dunha comunidade a outra para continuar coa tarefa delituosa.

Durante a súa estancia hospedábanse en apartamentos turísticos ou en pisos francos doutros cidadáns xeorxianos, mantendo un perfil baixo para pasaren desapercibidos.

A investigación segue aberta e non se descartan futuras detencións a máis membros da organización.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade