Desmantelan unha organización de comercialización ilícita de peixe en Pontevedra
Desmantelan unha organización de comercialización ilícita de peixe en Pontevedra
Cinco empresas implicadas no almacenamento, venda e transporte ilegal de peixe espada capturado por barcos que superaban as cotas
A Garda Civil desmantelou unha organización de comercialización ilícita de peixe en Pontevedra tras intervir 15 toneladas de peixe espada, cun valor de mercado de 230.000 euros, que fora capturado por un barco con bandeira de Portugal e que estaba a ser transportado sen documentación de rastrexabilidade cara a Italia.
Axentes do Seprona e a Pafif de Vigo interviñeron o peixe nun dispositivo conxunto orientado ao control do tráfico de mercadorías por estrada en Rande, Redondela.
No control, deron o alto a un camión con semirremolque frigorífico que transportaba produto conxelado e, ao serlle requirida a documentación pertinente ao condutor, este presentou un documento de uso interno, sen validez para amparar o transporte e que, ademais, declaraba 5.000 quilos menos de carga.
Unha vez examinado o interior da caixa do camión, os axentes comprobaron que o peixe transportado, que era peixe espada conxelado, tamén carecía das etiquetas identificativas obrigatorias para acreditar a súa rastrexabilidade.
Ante as evidencias de que se trataba dun transporte ilícito de alimentos, os axentes requiriron apoio do Servizo de Seguridade Alimentaria da Xunta de Galicia e, tras examinar a carga, procederon á inmobilización e precinto cautelar de 15.554 quilos de peixe espada cun valor no mercado duns 230.000 euros.
A Garda Civil indagou a orixe e destino do transporte, a procedencia do peixe e as persoas ou empresas que puidesen atoparse tras esta actividade.
Descubriron que estivera almacenado entre outros lotes legais nun coñecido frigorífico da zona e fora vendido a un comercializador que pretendía trasladalo a Italia mesturado con outras partidas de mercadoría documentadas.
Ao inspeccionar os almacéns frigoríficos de orixe, comprobaron que o peixe procedía dun exceso de pesca dun barco de bandeira portuguesa que descargara en España, que declarou as capturas legais e desviou a partida agora comisada para a súa venda fose do circuíto legal.
Coa complicidade da empresa de almacéns frigoríficos, o peixe quedou agachado sen ningún tipo de etiquetaxe ou documentación á espera do seu traslado a unha comercializadora interesada neste produto irregular, comprado a un prezo inferior ao mercado e evadindo os correspondentes impostos.
A Garda Civil desmantelou así unha organización de comercialización ilícita de peixe de cinco empresas da provincia, desde a súa orixe ao seu distribuidor final, e estableceu as respectivas responsabilidades do buque de pesca, almacenista, transportista e comercializadora.
O instituto armado lembra que a pesca ilegal non declarada, ou non regulamentada, converteuse nunha das maiores ameazas á explotación sostible dos recursos acuáticos vivos e para a biodiversidade mariña.
A comercialización deste produto tamén constitúe unha fraude fiscal e unha competencia desleal que ameaza o conxunto da actividade pesqueira regulada.
Apunta que todo o peixe que se comercializa fóra do circuíto legal constitúe un risco para a saúde pública debido á total ausencia de rastrexabilidade e control sanitario.
A pesca ilegal, así como o transporte e comercialización do produto, supón infraccións á normativa en materia ambiental, fiscal, de sanidade e transporte, e, nalgúns casos pode chegar a considerarse un delito con penas de prisión e multa.