Publicador de contidos
Publicador de contidos

Nove falecidos, dous deles de Vigo e Baiona, no naufraxio do Argos Georgia preto das Malvinas

Nove falecidos, dous deles de Vigo e Baiona, no naufraxio do Argos Georgia preto das Malvinas

Hai ademais catro tripulantes desaparecidos, un de Noia e outro de Ribeira

Os 14 mariñeiros rescatados con vida, catro deles galegos, chegarán ás 18:00, hora galega, ao porto de Stanley

Loito oficial en Vigo e Baiona polos tripulantes falecidos e angustia en Ribeira e Noia polos desaparecidos

O presidente da Xunta e o ministro de pesca envían as súas condolencias ás familias dos mariñeiros falecidos no naufraxio

Imaxes facilitadas por elmagallanico.com
G24.gal 24/07/2024 09:30 Última actualización 24/07/2024 13:21

Ascenden a nove os falecidos no naufraxio do Argos Georgia nas proximidades das illas Malvinas. Segundo as últimas informacións remitidas por Salvamento Marítimo, dos 27 tripulantes que viaxaban a bordo do palangreiro, nove faleceron, catro permanecen desaparecidos e un total de 14 foron rescatados con vida.

Dos 27 tripulantes, dez son españois, segundo informa a Delegación do Goberno en Galicia:

- Seis superviventes: catro son galegos (tres de Ribeira e un de Pontevedra), un de Barcelona e un de Albacete.

- Dúas persoas falecidas. Eran o patrón do barco e veciño de Vigo e o cociñeiro da embarcación, de Baiona.

- Dúas persoas desaparecidas, das localidades de Ribeira e Noia.

O resto da tripulación estaba formada por oito rusos, cinco indonesios, dous uruguaios e dous peruanos.

Dous dos falecidos e dous desaparecidos son galegos 

Segundo as últimas informacións facilitadas pola Delegación do Goberno en Galicia, un dos  falecidos era o patrón de pesca, natural da parroquia viguesa de Valadares. O outro, o cociñeiro, do municipio pontevedrés de Baiona.  

Hai ademais dous desaparecidos: un de Ribeira, que traballaba como relevo de máquinas, e outro de Noia, segundo enxeñeiro de a bordo.

Entre os que sobreviviron hai catro galegos: o capitán, o primeiro oficial e o xefe de máquinas, todos de Ribeira, e un cuarto tripulante natural de Pontevedra, como confirmaba Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia. 

Todos os superviventes están ben

Segundo a Delegación do Goberno en Galicia, os catorce superviventes e os cadáveres dos nove tripulantes falecidos diríxense xa cara ao porto de Stanley a bordo da patrulleira local Lilibet e do pesqueiro Puerto Toro.

Agárdase que cheguen sobre as 18:00 hora galega. Os sobreviventes, que segundo trasladan están ben, serán atendidos no hospital King Edward VII Memorial, nas Malvinas, que está xa preparado para recibilos.

Pedro Blanco afirma que o Goberno pon todos os medios á disposición das familias para repatriar tanto os superviventes coma os corpos dos tripulantes falecidos no naufraxio.

En función do que estableza o armador, o Goberno está disposto a fretar un avión para adiantar a repatriación. "Quero trasladar ás familias, como xa fixen telefonicamente, que non imos escatimar ningún esforzo e que, se fixera falta, fretariamos un voo para traelos a España, dado que desde Porto Stanley non existe voo comercial para poder chegar ata aquí".

Entrementres, séguese sen noticias dos catro tripulantes do Argos Georgia que continúan desaparecidos. Segundo o delegado do Goberno, as condicións meteorolóxicas son moi desfavorables, con ventos de 35 nós e ondas que poden acadar os oito metros.

Nas próximas horas, a Autoridade Marítima das Malvinas manterá unha reunión para decidir se continúa cos labores de busca. 

De momento descoñécense as causas que provocaron o naufraxio. Segundo o delegado, parece que o provocou unha vía de auga aberta no casco do buque. Con todo, Blanco explica que os esforzos neste momento están centrados na busca e rescate dos mariñeiros desaparecidos.

O delegado do Goberno en Galicia confirma que se abrirá unha investigación para determinar o sucedido e que toda a información que reciban será trasladará tanto ás familias dos tripulantes do buque sinistrado como á cidadanía en xeral.

Blanco traslada a solidariedade e o afecto do Goberno aos familiares. Envía o seu pésame ás familias dos falecidos e expresa a súa esperanza de que se poida atopar con vida os desaparecidos.

Día de loito en Baiona e Vigo polos tripulantes falecidos 

Pesar en Vigo e Baiona polos tripulantes falecidos no naufraxio. O Concello de Vigo decretou un día de loito oficial polo falecemento de César Acevedo Durán, patrón de pesca do barco e natural da parroquia de Valadares, e mais dos outros oito tripulantes falecidos. 

As bandeiras dos edificios municipais ondearán a media hasta. Nun conciso comunicado, o goberno local lamentou a morte destes traballadores e trasladou as súas "máis sentidas condolencias ás familias, compañeiros e achegados dos mariñeiros que perderon a vida neste tráxico suceso".

Con consternación estase vivindo tamén esta xornada no concello pontevedrés de Baiona, de onde procedía Santiago Leyenda, o cociñeiro do Argos Georgia falecido no naufraxio.

O concello acordou decretar un día de loito oficial a partir das doce deste mediodía e chama a veciñanza a participar nunha concentración de pesar que terá lugar ás oito deste serán fronte á casa consistorial, como confirmaba no Bos días o alcalde Xesús Vázquez Almuíña.

Nun comunicado, o Concello traslada a "tristeza" deste pobo por esta traxedia no mar, á vez que envía o seu pésame á familia do falecido.

A xunta municipal de portavoces, reunida de urxencia, decretou un día de loito entre o mediodía deste mércores e o do xoves e convida a veciñanza a asistir á concentración que terá lugar ás 20:00 horas deste mércores na praza do Concello, onde se gardará un minuto de silencio para honrar a memoria de Santiago Leyenda.

Todos os eventos que se ían realizar no municipio este mércores quedan pospostos e informarase da súa nova data. 

Santiago Leyenda levaba só cinco meses enrolado no Argos Georgia. O alcalde de Baiona, que coñece persoalmente a súa familia, afirma que Santiago "era moi boa xente" e que formaba parte dunha familia "de tradición mariñeira". Vázquez Almuíña recoñece que o do mar" é un traballo "moi duro, pero ás veces, (en momentos así)  esta actividade faise insoportable".

O R. C. Celta e a peña Arribadas Celeste, creada en Baiona en 2012, mostraron este mércores o seu profundo pesar pola morte de Santiago Leyenda Amoedo, cociñeiro do Argos Xeorxia, buque afundido nas inmediacións das illas Malvinas.

“Deixounos un celtista. Deixounos un dos nosos. Descansa en paz, Santiago”, destaca a entidade que preside Marian Mouriño, que tamén traslada toda a súa forza ás familias dos desaparecidos e as súas condolencias polos falecidos.

A peña Arribadas Celeste, creada en Baiona en 2012, tamén se expresou a través das súas redes sociais: “Outra vida que leva o mar, deixándonos sen un dos nosos. Voa alto, Santi. Un forte abrazo á súa familia e amigos. Descansa en paz, compañeiro”.

Angustia e pesar en Ribeira e Noia

O naufraxio do Argos Georgia estase vivindo con angustia nas vilas de onde proceden os tripulantes galegos que traballan a bordo do palangreiro.

De Ribeira son o capitán, o primeiro oficial e o xefe de máquinas, que sobreviviron ao naufraxio, e tamén un oficial de máquinas que segue aínda desaparecido. Este último adiantou o relevo porque o xefe de máquinas se ía xubilar. "Saíu un pouco antes para poñerse ao día na máquina", como dicía no Bos días o concelleiro do Mar de Ribeira.

O alcalde da vila, Luís Pérez, afirma que se mantén en contacto permanente coas autoridades e as familias dos tripulantes do buque sinistrado e recoñece que están vivindo "horas angustiosas". O rexedor afirma que esperan final feliz: "Aínda que sabemos que as condicións son moi adversas".

 

Tamén o patrón maior de Ribeira, José Antonio Pérez, afirmou no Bos días que non perderon a esperanza de atopar con vida os tripulantes que seguen aínda desaparecidos.  

José Antonio Pérez afirma que nada máis mellore o tempo se retomarán os labores de busca nas proximidades das illas Malvinas.

O conselleiro do Mar, en contacto coa Delegación do Goberno e as familias dos tripulantes do pesqueiro

O conselleiro do Mar segue con preocupación as informacións que proceden das Malvinas. Alfonso Villares afirma que está en contacto permanente coa Delegación do Goberno e coas familias dos tripulantes galegos do Argos Georgia, o palangreiro sinistrado.

Villares afirma que agora toca "esperar". "O que nos queda é ter a esperanza de que poida aparecer algún supervivente máis do naufraxio".

Segundo confirmou no Bos días da TVG, á espera de seren avaliados ao chegaren a terra, o estado dos tres superviventes galegos é "bo", aínda que "son momentos moi duros e o seu estado anímico non será o mais óptimo".

O conselleiro indicou que onte falou xa con familiares dos tripulantes do buque sinistrado e coas autoridades locais. Trasladoulles o seu "cariño e consideración mais grande, xa que non son momentos fáciles".

Mensaxes de condolencia ás familias dos tripulantes falecidos no naufraxio

O presidente da Xunta Alfonso Rueda enviou a través das redes sociais as súas condolencias ás familias dos tripulantes falecidos. O xefe do executivo galego segue con atención os labores de busca dos mariñeiros que seguen desaparecidos.

Tamén o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, expresou o seu agarimo ás familias dos falecidos e os desaparecidos no naufraxio do buque pesqueiro Argos Georgia en Malvinas.

"Confírmanse as tristes noticias do naufraxio do Argos Georgia. Todo o meu agarimo ás familias dos falecidos e os desaparecidos", expresou o ministro nunha mensaxe na rede social X.

Planas tamén desexou unha "pronta recuperación" aos mariñeiros rescatados e reivindicou o traballo dos pescadores, que en moitas ocasións se enfrontan a situacións dunha gran "dureza" e "risco".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade