Os náufragos do Playa de Zahara iniciarán este sábado o regreso desde Fixi
Os náufragos do Playa de Zahara iniciarán este sábado o regreso desde Fixi
A previsión é que estean na casa a fin de semana ou o luns
Mañá sairán de Fixi os 19 mariñeiros que onte se salvaron do naufraxio do Playa Zahara Dos. A previsión é que os galegos estean na casa o máis tardar o luns. O accidente producíuse cando se dirixían a descargar ao porto de Suva na illa do Pacífico Sur. Toda a tripulación está aloxada nun complexo hoteleiro da illa.
Ninguén quixo falar hoxe na sede dunha das empresas do conglomerado ao que pertencía o Playa Zahara Dos na dársena dúas do peirao de Bouzas en Vigo. Ademais do palangreiro de 37´5 metros de eslora perderon toda a carga, na súa maioría peixe espada de gran valor económico.
O presidente dos armadores de Vigo apuntou que se están a investigar as causas do sinistro, pero que se trata dunha zona difícil en que xa naufragara outro barco galego.
Os mariñeiros foron rescatados por un buque turístico, o Scorpon 38 do complexo hoteleiro Kojomo Island Resort instalado na illa privada do mesmo nome, aínda que na zona do naufraxio próxima ao porto de Suva estaban o Novo Seixal e o mercante Tabusoro.