O porto de Vilanova de Arousa sofre unha vaga de roubos
O porto de Vilanova de Arousa sofre unha vaga de roubos
Rouban combustible e aparellos en varias embarcacións de marisqueo
A confraría de Vilanova pídelle a Portos de Galicia que o sistema de viodeovixilancia sexa efectivo
En Vilanova as embarcacións de marisqueo están en paro biolóxico, aínda así hoxe houbo mariñeiros que se achegaron igualmente botarlles unha ollada ás súas lanchas. Están preocupados.
A confraría de Vilanova ten constancia de que nos últimos cinco días se produciron roubos en varias das embarcacións de marisqueo, aquí e tamén en portos veciños.
Lino Díaz, patrón maior da confraría de Vilanova de Arousa, confirma que dende a noite do sábado ata hoxe teñen coñecemento de catro roubos, e engade: "Esta mañá chamoume o presidente do Carril, que viu a noticia na prensa e que dixo, a nós tamén nos roubaron".
O modo de proceder é sempre o mesmo. Acceden ao compartimento onde se gardan os depósitos de combustible, e lévanos; ou subtraen directamente a gasolina dende o tanque. Tamén rouban aparellos. Estes últimos días sucedeuse un roubo tras outro, pero non é a primeira vez. Moitos mariñeiros atracan e levan todo da embarcación, para evitar males maiores.
Joaquín José Señoráns García, mariñeiro, relata: "Roubáronme o raño con vara e todo, tamén me roubaron o depósito de gasolina".
Luis Miguens García, presidente das embarcacións de marisqueo, calcula: "O raño custa entre 100, 110 euros e o depósito por aí anda tamén. E despois o que che leven de gasolina dentro".
Son danos e perdas das que ninguén se fai cargo. As embarcacións están atracadas neste pantalán, que conta cun sistema de videovixilancia de Portos de Galicia.
Lino Díaz, patrón de Vilanova, sostén: "As cámaras de Portos non funcionan, eu estiven en Portos onte. Falei con Portos en Pontevedra e falei co director de Portos tamén, e dinme que están xestionando".
Ademais de contactar con Portos de Galicia para que activen as cámaras, a confraría de Vilanova solicitoulles tamén ao Concello, á Garda Civil e á Policía Local que intensifiquen as vixilancias nesta zona portuaria.